19 de out. de 2016

A GUARDA

O Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra anuncian a redacción dunha proposta de mobilidade para A Guarda   

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, mantivo unha reunión co equipo de goberno do Concello de A Guarda
Fotos: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 Despois de que o Concello da Guarda presentara diante da Deputación de Pontevedra unha proposta para a humanización da rúa Concepción Arenal e de manter varias reunións en relación a esta obra,  a Deputación propuxo ao goberno guardés a integración desta humanización nunha proposta de mobilidade sostible global para todo o Concello. Iniciativa que contou coa inmediata aprobación do equipo de goberno guardés, que preside o alcalde Antonio Lomba Baz.  

 A necesidade  de facer un estudo deriva da importancia desta rúa no que respecta ao tránsito de persoas e vehículos dentro do Concello. A Deputación  xustifica esta iniciativa tendo en conta tamén que Concepción Arenal é unha vía provincial dentro dun casco urbano e das que máis tráfico soporta entre as vías da Deputación. Na proposta inicial que o alcalde da Guarda presentou na Deputación para a humanización desta rúa, xa contemplaba dar preferencia aos peóns sobre os vehículos naqueles lugares que era posible, en concreto, a peonalización da Praza Avelino Vicente.  

O alcalde Antonio Lomba Baz; o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, e técnicos da empresa encargada de realizar o estudo de mobilidade, mantiveron unha reunión con tódolos grupos municipais do Concello de A Guarda

 A reunión de hoxe tivo como obxectivo a presentación diante dos grupos da corporación do Concello da Guarda da redacción dun estudo de mobilidade sustentable no que, en palabras do deputado de mobilidade Uxío Benítez, a rúa Concepción Arenal sería unha peza clave. Segundo o deputado, a filosofía da proposta é que as rúas estean pensadas para as persoas e de que é necesario adaptar os espazos públicos a criterios de accesibilidade. Para isto se buscará, se é posible, que a proposta que se faga sexa aprobada por unanimidade dos grupos e senón, polo menos, que haxa unha maioría de consenso para un proxecto clave para A Guarda no que tódolos partidos poidan participar e aportar ideas.  

 Tamén asistiron á reunión os técnicos da empresa encargada de realizar este estudo. Comentaron que nesta primeira fase o traballo se organiza en dúas liñas: un estudo de campo sobre o terreo, e un análise a través da participación de persoas e axentes sociais implicados.   

 Na liña da participación ademais de buscar o consenso coa poboación crearase unha mesa de traballo cos grupos políticos para sacar conclusións e extraer propostas que podan cubrir as necesidades detectadas e que se transformen en obras concretas, como sucederá a corto prazo na rúa Concepción Arenal. 

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, expresou que a intención desta reunión era a de implicar a tódolos grupos políticos e que estes puideran transmitir as súas opinións, dúbidas e suxestións sobre a proposta nesta fase previa do estudo. Ademais, recalcou que dende o grupo de goberno teñen claro que existen unha serie de condicionantes, derivados das necesidades que plantea unha rúa da importancia que ten a de Concepción Arenal (con parada de autobús, baixada ao Porto, aparcadoiro, etc.)  que se terán moi en conta. Subliñou que o estudo e o traballo de campo que está realizando a empresa é para detectar o que necesita A Guarda e buscar posibles respostas a estas necesidades.  

 Ademais, Miguel Ángel Español Otero, concelleiro de Vías e Obras do Concello da Guarda, comentou a necesidade de realizar obra física en prazos concretos. Unha afirmación que contou co compromiso por parte dos representantes da Deputación, que calculan un prazo de 2 ou 3 meses para redactar a proposta de mobilidade de cara a realizar as obras en Concepción Arenal o vindeiro ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario