18 de out. de 2016

A GUARDA

O BNG solicita ao pleno da Guarda apoio aos mariñeiros do espada

A moción do BNG solicita o apoio aos mariñeiros de tripulacións afectadas para ter unhas pensións dignas

Ángel Luis Baz Vicente, voceiro do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BNG presentou unha moción en apoio ás tripulacións de buques que faenan en augas internacionais, entre eles, a flota palangreira guardesa.
 Para o BNG a modificación dos coeficientes redutores aplicábeis á pesca significa - tal e como afirma Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG - un aumento na vida laboral sufrindo unha grave discriminación fronte a outras pescarías.
Despois dunha vida de duro traballo, en condicións de perigo e días de mar separados da familia, o goberno do PP modifica as condicións de xubilación destes mariñeiros que os prexudican claramente, comentou Ángel Luis Baz. 
 O BNG tamén solicita o cambio de modelo que actualmente está baseado na zona e no tamaño de embarcación para ir cara un novo modelo que incentive as condicións reais das actividades profesionais da pesca, recoñecendo aquelas que teñen maior penosidade, perigosidade, sexan insalubres e provoquen sinistralidade.
 O BNG - engade Baz Vicente - considera imprescindíbel o cese inmediato do Director Xeral de Mariña Mercante pola súa incompetencia por descoñecer a realidade da pesca ao aplicar criterios discriminatorios que afectan aos dereitos fundamentais dos traballadores galegos.
 Dende o BNG temos claro que xa bastante sacrificio fan estes mariñeiros e as súas familias ao longo da vida para que agora o Goberno español do PP lles conceda “este regalo” ao xubilarse, conclúe o voceiro municipal do BNG no Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario