12 de set. de 2016

CULTURA

O Premio de Relato Breve Nélida Piñón celebrará este ano a súa segunda edición 

A Xunta de Galicia, o Concello de Cotobade e a Deputación de Pontevedra presentarán as bases do certame o próximo día 30 de setembro, nun acto que contará coa participación da escritora brasileira de raíces galegas


O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde e mais a concelleira de Promoción Económica e Turismo de Cotobade, Jorge Cubela e María Pichel, respectivamente, e o deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística de Pontevedra, Xosé Leal

Infogauda / Cotobade

 O Premio de Relato Breve Nélida Piñón, impulsado pola Xunta de Galicia, polo Concello de Cotobade e pola Deputación de Pontevedra, celebrará este ano a súa segunda edición, que será presentada o próximo 30 de setembro en Cotobade nun acto que contará coa presenza da escritora brasileira de orixe galega que lle dá nome ao certame literario.
 Así o acordaron as tres institucións promotoras na reunión mantida o pasado día 9 de setembro en Cotobade, na que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde e mais a concelleira de Promoción Económica e Turismo de Cotobade, Jorge Cubela e María Pichel, respectivamente, e o deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística de Pontevedra, Xosé Leal.
 O Premio de Relato Breve Nélida Piñón naceu o pasado ano 2015 cos obxectivos de fomentar a creación literaria en lingua galega, particularmente no ámbito da narrativa breve, e de honrar a escritora brasileira de raíces galegas Nélida Piñón, referencia imprescindible da literatura universal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario