19 de abr. de 2016

COOPERACIÓN

Uxío Benítez comparte mesa con representantes de Cataluña e o País Vasco nunhas xornadas sobre cooperación transfronteiriza e nacións sen estado 

O deputado pontevedrés de Cooperación Transfronteiriza sinalou a necesidade de traballo conxunto dos territorios do Miño "para que a nosa sociedade común progrese" 

 O deputado Uxío Benítez - a dereita da imaxe -, no decurso da súa intevención

Infogauda / Redacción

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, compartiu onte martes mesa con representantes dos gobernos catalán e vasco nunhas xornadas sobre cooperación transfronteiriza e nacións sen estado organizada pola fundación Centre Maurits Coppieters, a Universidade do Minho e a Universidade de Santiago de Compostela.  O nacionalista fixo fincapé na necesidade de traballo conxunto dos territorios galego e portugués do Miño "para que a nosa sociedade común progrese, xa que o Miño é o río que nos une".  

 Benítez realizou unha ponencia titulada 'O Miño: o mito das fronteiras nas nacións sen estado'. Na  súa mesa de debate, baixo o epígrafe 'Planificación espacial e cooperación territorial. Superando fronteiras, unindo nacións? Perspectiva política e dos implicados' estiveron tamén presentes o director de Relacións Europeas do goberno vasco, Mikel Antón; o director xeral de Planificación Territorial de Aragón, Joaquín A. Palacín; e o director de Relacións Exteriores da Generalitat de Catalunya, Rafael Giménez-Capdevila. Todos eles fixeron referencia aos obxectivos e novas oportunidades das nacións sen estado dentro da Unión Europea.  Tamén participaron na xornada de hoxe representantes da Universidade de Cambridge, da Swansea University e do University College of London, entre outros ponentes.  O pasado luns onte celebrouse na Universidade de Minho (Braga) a primeira parte do Congreso.  

 O deputado pontevedrés fixo un percorrido histórico da fronteira de Galiza e Portugal, remontándose á época dos romanos, na que o noroeste da península Ibérica, ao igual que ocorreu nos séculos seguintes tivo unha unión natural e lingüística que se rompeu só por decisións políticas. Fixo referencia a que o Reino de Galiza aparece documentado por primeira vez en 1282 no Armoria Segar da Inglaterra ao mesmo nivel que outros reinos como o de Alemaña, Francia, España, Escocia ou Portugal.  Tamén expuxo varios mapas nocturnos da NASA onde se aprecian, a día de hoxe, que as fronteiras administrativas non se corresponden cos espazos naturais utilizados polos cidadáns, quedando marcada unha liña clara por toda a costa portuguesa e a galega, mantendo a un tempo unha clara separación poboacional coa meseta. Como exemplo moi indicativo da separación obrigada dos veciños galegos e portugueses presentou unha diapositiva co mapa do tempo, no que nin aparece o territorio de Portugal a pesares de ter unha maior relación real que con outras localidades estatais. Unha das referencias que  puxo sobre a mesa o deputado nacionalista foi a viñeta do propio Castelao na que, estando á beira do Miño, un rapaz preguntaba a un vello: "E logo os da veira d'aló son máis extranxeiros que os de Madrí? ".  

 Benítez destacou que, a día de hoxe, o territorio transfronteirizo do Miño ten unha poboación de referencia de aproximadamente 3 millóns de habitantes, entre a poboación das áreas territoriais de Porto e Vigo e que conta con importantes valores culturais, naturais, paisaxísticos de litoral e fluviais comúns, ademais de patrimonio lingüístico e histórico e outras potencialidades produtivas do sector agrícola, a pesca e o turismo. "Temos que acadar que parte dese importante fluxo e de poboación sexa atraído ao noso territorio por iso debemos xerar valor, oportunidades de crecemento e cohesión social", manifestou o deputado.  

 Finalmente, sinalou que a día de hoxe a Deputación  de Pontevedra está a traballar para crear unha nova Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza que una aos concellos galegos e portugueses da 'raia' para levar adiante unha estratexia de desenvolvemento conxunta que permita acadar fondos europeos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario