19 de dec. de 2015

LABORAL

CCOO gaña por sexta vez consecutiva as eleccións sindicais en Correos 


En Galicia, a falta de se celebraren as eleccións sindicais na provincia da Coruña, adiadas para o 21 de xaneiro, CCOO obtén un total de 26 representantes, o que nos mantén, a gran distancia sobre o resto, como primeiro sindicato neste ámbito  



 Nas eleccións sindicais celebradas este 17 de decembro en todo o país, CCOO gaña por unha ampla maioría de representantes e votos, mellorando os resultados do 2011. Cun 38 % no persoal laboral, un 32 % no persoal funcionario e un total de 408 delegados/delegadas, e cunha diferenza de 164 delegados/delegadas sobre o segundo sindicato e de 240 a 291 sobre o resto, CCOO consolídase como primeira forza sindical no correo público desde 1995. 

 CCOO co apoio dado polas urnas, séntese lexitimado para emprazar o Goberno que saia dos comicios do 20­D a discutir o futuro de Correos, a defensa do servizo postal público, un proxecto de empresa baseado na diversificación e un novo marco de dereitos laborais con máis e mellor emprego, salarios e dereitos. Este 17 de decembro, pechado xa o escrutinio, CCOO revalídase como primeira forza sindical en Correos en representación e en número de votos dos máis de 50.000 traballadores, traballadoras, funcionarios e laborais, que compoñen o cadro de persoal. 

 O sindicato consolida e mellora os resultados obtidos nas eleccións de 2011, ao obter un total de 408 delegados e delegadas en todo o estado. O sindicato logra a maior diferenza da historia co segundo sindicato, UGT, ao avantaxalo en 164 delegados e case 20 puntos porcentuais; a distancia con CSI·F, SL e CGT é de 241, 247 e 291. 

 CCOO faise tamén coa maioría sindical en nove autonomías, as dúas cidades autónomas e en 25 provincias en persoal funcionario e 34 en persoal laboral, así como na maioría das zonas organizativas da empresa. 

 CCOO, coa lexitimidade democrática que lle outorga a maioría sindical na maior empresa pública do país, anuncia que instará o novo Goberno que saia das urnas a acadar un acordo de país que permita un Correos público con garantías para toda a cidadanía, asegurando a súa prestación e con financiamento suficiente e estable. Ao mesmo tempo, esixe un encaixe político sen dependencias nin intereses partidistas, que permita sacar a Correos do caixón da invisibilidade en que os anteriores gobernos o mantiveron nos últimos vinte anos e que o converta nun claro expoñente do público, de modernización e diversificación á altura dos operadores postais europeos, mantendo a súa viabilidade. 

 Para CCOO, a calidade do servizo público só é posible con calidade no emprego, salario e dereitos que deben alcanzarse no marco dun novo convenio e un acordo colectivos porque a precariedade só pode levar á nefasta prestación do servizo postal público para a cidadanía.
(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario