O BNG solicita o arranxo da rampla do Pirún na Guarda
“O actual estado de deterioro supón maior perigo que as propias escaleiras”, afirma Ángel Luis Baz Vicente
Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do Grupo Municipal BNG-Asembleas Abertas, no Concello de A Guarda, na rampla do Pirún - Foto: BNG-Asembleas Abertas
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego presentou un escrito solicitando ao goberno municipal do PSOE o arranxo da rampla que hai na zona coñecida como Pirún, sita na rúa da Cal, polo seu mal estado.
Para o BNG "o estado actual desta infraestrutura é lamentábel, froito da falta de mantemento por parte do concello durante estes anos.
"O ESTADO XERAL DA MADEIRA É PREOCUPANTE"
"Así, pódese observar - segundo advirte o Grupo Municipal do BNG- Asembleas Abertas no Concello de A Guarda - que as varandas están a caer con pezas que se desmontan con moita facilidade, os pivotes que as sosteñen están soltos ou mal ancorados o que supón un serio perigo para calquera persoa que pase pola rampla. O estado xeral da madeira é preocupante, con zonas podres e o firme da rampla está desnivelado con táboas levantadas que dificultan o camiñar.
Tendo en conta que esta infraestrutura foi deseñada para facilitar a accesibilidade de veciños e veciñas que diariamente atravesan o lugar, nestes intres supón un perigo maior que o uso das escaleiras".
“A rampla - afirmou o portavoz municipal, Ángel luis Baz Vicente - debe ter un mantemento continuado ao longo do ano, corremos o risco de ter que lamentarnos dunha desgraza en calquera momento”.
"O BNG - engade Ángel Baz - insta ao Alcalde da Guarda a que tome as medidas oportunas con carácter de urxencia para o arranxo da rampla do Pirún e que se comprometa a un mantemento ao longo do ano, algo que até o momento non se fixo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario