5 de xul. de 2015

A GUARDA

ÉXITO DE ASISTENCIA NA XXV EDICIÓN DA FESTA DA LANGOSTA E COCIÑA MARIÑEIRA 

O Concello de A Guarda fíxolle unha pequena homenaxe o hostaleiro Elicio Magallanes Rodríguez, impulsor da primeira edición

Infogauda / A Guarda

 O venres día 3 de xullo deu comezo a XXV edición da Festa da Langosta e Cociña Mariñeira no Concello da Guarda ca lectura do pregón na Praza do Reló e a apertura da carpa gastronómica no Porto da localidade.  

A Banda de Música Agrupación Musical da Guarda ofreceu un concerto

 Pasadas as 20:00 horas comezaron a soar os primeiros acordes da Banda de Música Agrupación Musical da Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, nunha praza atestada de xente. Os veciños da Guarda, e moitos dos visitantes que estes días pasean polas nosas rúas, quixeron estar presentes no inicio desta gran festa, polo que non dubidaron en encher a Praza para, nun primeiro momento seguer o concerto que a Agrupación tiña preparado, e despois para escoitar o pregón.  

Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda

 O primeiro en subir o balcón do Casa do Concello foi o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, quen, moi emocionado falou dos seus recordos de neno nunha familia de mariñeiros. 
O hostaleiro Elicio Magallanes Rodríguez - a esquerda da imaxe - xunto o alcalde de A Guarda, no balcón da Casa do Concello

 A primeira sorpresa nesta XXV edición da Festa foi a pequena homenaxe que o Concello lle fixo a Elicio Magallanes Rodríguez, hostaleiro xubilado, ex-presidente da Asociación de Comerciantes e Industriales de A Guarda (ACIGU) e impulsor da primeira edición. Elicio, acompañado do alcalde, subiu o balcón e non dubidou en ofrecer unhas palabras ós seus veciños e amigos. 

Yayo Daporta dando lectura o pregón da XXV Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira

 Tras él foi a quenda do máis esperado, do pregoeiro desta edición, Yayo Daporta. Este chef, un dos máis xoves en conseguir unha estrela Michelín, recitou un emotivo pregón destacando a calidade dos produtos galegos e o saber facer da xente que vive en Galicia.  

 Despois das palabras, pasouse ós feitos. Tanto a corporación municipal, como o pregoeiro cambadés, e por suposto, as decenas de veciños que estiveron presentes no primeiro acto, dirixíronse á carpa instalada no porto para dar por inaugurada a festa. 

Yayo Daporta e Antonio Baz na carpa situada na explanada do Portiño Novo, de A Guarda

 Yayo Daporta, acompañado polo alcalde e demais membros da Corporación Municipal de A Guarda, foron parando nos diferentes postos gastronómicos para coñecer de primeira man os diferentes produtos que se ofertaban. O chef non dubidou en posar con langostas na man, con decenas de fans que o acompañaban no seu paseo ou incluso probar o doce máis característico da Guarda, o Roscón de Xema.

Yayo Daporta, con dúas fermosas langostas, disposto a facer unha demostración culinaria diante do público

 Cando Yayo Daporta xa vira os produtos e probara moitos deles, o chef cambadés subiuse ó escenario para facer unha demostración culinaria diante do público. Con dúas langosta que chegaron vivas a súa mesa, e unhas salsas baseadas entre outraa cousas en cilantro e aceite de oliva, este cociñeiro demostrou as súas dotes creando un tartar e un carpaccio de langosta. Daporta foi mostrando e explicando cada paso ós presentes.

 Dous nenos do público foron os afortunados e puideron probar estes pratos creados por un chef “Michelin”.  

 Tras a exhibición, e despois da cena, os asistentes á festa gozaron da música da Orquestra América ata altas horas da madrugada.

 A programación continou onte sábado coa XX Travesía a Nado Porto da Guarda, con obradoiros e inchables para nenos, e coa música dos grupos “The Winning Numbers” e “Lou Reyes”.  

 E este domingo a carpa abriou de novo as 11:00 horas coa música de Daniel Vilanova. Pola tarde haberá unha saída en kayak e unha actuación de fado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario