4 de xuño de 2015

PONTEVEDRA

Sobre un posible acordo de goberno para a Deputación de Pontevedra

Rafael Louzán: “O BNG debe reflexionar, non ser excluínte e facerse adulto”

 Rafael Louzán Abal, presidente do Partido Popular provincial


Infogauda / Pontevedra

 O presidente do Partido Popular provincial, Rafael Louzán, convidou onte pola mañá ao BNG a “reflexionar, non ser excluínte e facerse adulto” para valorar que é o que máis lle convén á provincia na Deputación de Pontevedra.
 Entende que “o BNG ten futuro, pero só un futuro: o nacionalismo, de dereitas ou de esquerdas, e debe acostumase a pactar en base a programas e a proxectos en beneficio da comunidade e dos cidadáns, e deixarse de doutrina, de ideas trasnoitadas e de prexuízos previos”.
 “Nin o PP nin o BNG somos os mesmos que os da transición, hai que actualizarse permanentemente. E o PP non vai estar inmóbil nesta situación”, explica Louzán, que sostén que “a matraca anti PP acabóuselle ao BNG, e agora probablemente a teñan outros”.
 Como exemplo cita o presidente provincial “ese modelo que funcionou en Tomiño, Bueu e incluso en Pontevedra, con alcaldes do BNG pragmáticos e realistas, cos que a través do entendemento chegamos a grandes acordos”. Considera que ese é o camiño que o Partido Popular quere seguir. “Non nos aferramos a ningún cargo, queremos continuar na liña do sentido común. Porque nós, con maioría absoluta, xamais fomos excluíntes, e esta é a dirección que máis lle convén á provincia, ao BNG e, neste caso tamén, ao PP”.
 O presidente provincial recorda que o Partido Popular é a lista máis votada na Deputación de Pontevedra e, “por responsabilidade política, por sentido común e porque é a forma de traballar do partido”, ten a obriga de tentar formar goberno. Ademais, explica que é a mesma situación que se da no Concello de Pontevedra: “O PP é minoría maioritaria na Deputación. E o BNG é a minoría maioritaria no concello. Estamos no mesmo lugar desde o punto de vista dos votos. Que diría o BNG no concello se o resto das forzas se alían para quitarlle a alcaldía?”.

 Por iso pídelle ao BNG “que sexa coherente” e critica que “non pode ser que defenda a supresión das deputacións e no seu último consello nacional, a UPG pida que non se participe nos gobernos municipais con outras forzas pero si nos gobernos provinciais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario