22 de set. de 2012

VAL MIÑOR


GUILLERME ADVIRTE EN NIGRÁN “DO PROGRAMA PANTASMA DO PP QUE AGOCHA SALVAXES RECORTES” “DO PASOTISMO DE FEIJOÓ CON GALIZA” 
                       Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG (Foto: Arquivo)

Non vos levedes a engano, o Señor Feijoó conta contos en campaña e logo colle a guadaña e recorta por todas partes no sistema público”, sinalou o portavoz nacional do BNG

Infogauda / Nigrán

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu este serán nunha charla-coloquio en Nigrán, que “o PP concorre a estas eleccións dun programa pantasma, un programa oculto que agocha salvaxes recortes”.

Guillerme Vázquez participou xunto co candidato número 1 por Pontevedra, Carlos Aymerich, nunha charla-coloquio en Nigrán xunto con persoas afectadas polos recortes en sanidade e ensino, nunha charla que se centrou nas políticas de recortes que está a aplicar o PP na Administración central e galega.

Canda eles participaron o portavoz municipal do BNG, Xabier Rodríguez, e a candidata do BNG pola comarca do Val-Miñor, Marta Dacosta.

O portavoz nacional do BNG alertou sobre “os sarillos do PP e de Feijoó, contándonos contos en campaña para levarnos o grande susto unha vez que pase o 21 de outubro. Non vos levedes a engano, o Señor Feijoó conta contos en campaña e logo colle a gadaña e recorta por todas partes”. Nese sentido, lembrou o sucedido coas eleccións xerais de novembro e as andaluzas de marzo. “No primeiro caso, están a facer o contrario do que prometeron, e no segundo agocharon os Orzamentos Xerais do Estado mentras agardaban a que pasaran as eleccións andaluzas”.

Agora, puntualizou, “estiran e estiran o momento no que van peder o seguinte resgate porque as condicións que vai impór a Troika van ser de órdago. Empezando polas pensións”. Mentras, sinalou, “o Presidente da Xunta e candidato do PP, o Señor Feijoó, coas súa habituais excursións a Madrid, trata de distraer atacando insistentemente a Catalunya, máis, alguén o escoita falar de Galiza? Alguén o ve centrado en defender os intereses dos galegos e das galegas ou preocupado por evitar a caída do Estado de Benestar?”, preguntouse Vázquez.

Guillerme Vázquez animou “a pararlle os pés ao PP. Temos unha ocasión única na Galiza. Non podemos soportar máis recortes, nen máis ataques á sanidade, á educación e aos servizos públicos. Non podemos deixar que desfagan todo e nos deixen na absoluta ruina”.

O BNG, dixo, “é garantía de defensa do sistema público de educación, sanidade, pensións e servizos públicos. Témolo claro. Iso é o primeiro e en lugar de dar cartos á banca privada como se fose un cheque en branco, o primeiro é o Estado de Benestar”.Aquí nos tedes e vos animamos a confiar no BNG, a dar máis forza á única forza nacionalista que concorre a estes comicios”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario