3 de maio de 2012

DEPORTE


O obxectivo é promover a práctica do ciclismo en toda a provincia, aproveitando o paso da Volta a España por Pontevedra
LALÍN, TUI E CAMBADOS ABREN ESTA FIN DE SEMANA O CALENDARIO DE ACTIVIDADES DO PROGRAMA ÚNETE Á VOLTA
·       Ademais de marchas ciclistas, haberá gymkanas para os máis pequenos
Lalín, Tui e Cambados abrirán esta fin de semana o calendario de actividades do programa Únete á Volta, co que a Deputación Provincial de Pontevedra pretende estender o espírito da Volta a España a toda a provincia, así como promover a práctica do ciclismo.
Nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá pola deputada Begoña Estévez e o ex ciclista Marcos Serrano, organizador das probas ciclistas en boa parte dos concellos da provincia,  Estévez incidiu en que o obxectivo é aproveitar a “imaxe de marca da Volta” para motivar aos pontevedreses a participar nestas actividade lúdicas e deportivas, que toman a base das antigas Festas da Bicicleta e pretenden “conseguir que os nenos e nenas se afeccionen ao ciclismo, e crear canteira e escola”.
As marchas, ás que xa se quixeron adherir a práctica totalidade dos concellos da provincia, están organizadas por Unipublic en 15 concellos e por Marcos Serrano nos restantes.
Os primeiros que se van celebrar, organizados neste caso por Unipublic, serán o de Lalín, que datá comezo este sábado día 5 ás 10 da mañá; o de Tui, que tamén será este sábado, ás 17,00 h. e o de Cambados, o domingo, día 6, ás 10,00 horas.
Páxina web
Coincidindo con este inicio das marchas ciclistas, a Deputación provincial habilitará unha web específica, na que se poderá obter información de todos os eventos, mapa explicativo do percorrido, calendario de actividades e un apartado no que os internautas poderán colgar as imaxes dos eventos nos que participen.
Begoña Estévez salientou que, para animar a subir fotografías á web, os que así o fagan participarán en sorteos de diferentes artigos deportivos e, incluso, da posibilidade de acompañar á Volta nun dos coches da caravana.
A web incluirá, ademais, e segundo indicou Marcos Serrano, unha base de datos con todos os clubs deportivos da provincia, con información sobre a actividade á que se dedican, como contactar con eles e os eventos que organizan ao longo do ano, entre outros datos.
Con estes clubs estase traballando tamén para que poidan colaborar en Únete á Volta, achegando a súa experiencia e coñecementos.
Marcos Serrano e Begoña Estévez coincidiron en subliñar que se trata dun programa de actividades pensado para pasar un día divertido, para pasar en familia.
Por iso, ademais das marchas ciclistas, nas que só poderán participar os maiores de 8 anos, organizaranse gymkanas para que os máis cativos poidan tamén irse introducindo no mundo da bicicleta e gozar deste deporte xa que, en palabras de Marcos Serrano, as gymkanas son “o ABC do ciclismo antes de comezar a andar en bicicleta”.
Calendario de maio
Ademais das actividades desta fin de semana, xa están pechadas as marchas ciclistas que se van celebrar durante todo este mes de maio. Así, o sábado 12, Únete á Volta estará en O Porriño e Mos a partir das 10,00 h.; e na Estrada e o Rosal a partir das 18,00 h e o domingo 13 de maio, será Vilagarcía a que acolla este evento ás 11,00 h.
Na seguinte fin de semana, o sábado 19 únete á Volta achegarase ata Redondela (10,00 h.), Catoira (11,00 h.) e Marín (18,00 h.). O domingo 20, tocaralle a quenda a Pazos de Borbén (10,30 h), Ponteareas (10,30 h.) e Vilanova de Arousa (17,30 h).
Xa na última fin de semana do mes, serán Baiona, Gondomar e Nigrán, o sábado 26 ás 10,00 h; e Cangas e Ribadumia o mesmo día ás 18,00 horas os concellos nos que se celebren as marchas ciclistas.
Sanxenxo (11,00 h.), Tomiño (11,15 h.) e As Neves (17,30 h.) pecharán o calendario de maio, o domingo 27.

Ningún comentario:

Publicar un comentario