28 de nov. de 2011

TUI



O BNG DE TUI LAMENTA A FALTA DE COMPROMISO DO PP CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Infogauda / Tui


O BNG presentou no pleno de 24 de novembro de 2011 do Concello de Tui varias mocións de entre as cales figuraba unha contra a violencia de xénero.
Na moción presentada o BNG lembrou que se ten avanzado moito en Galicia na elaboración de lexislación que defende ás vítimas de violencia de xénero como a aprobación da Lei 11/2007 pero que é imprescindible desenvolvela para facer efectivas as súas propostas e poder loitar, de xeito real, contra este lacra social. A moción do BNG reclamaba poñer en marcha o Observatorio Galego da Violencia de Xénero e o Centro de Recuperación Integral, así como programas de formación específica para aqueles profesionais que atendan ás vítimas de violencia e o acceso destas á atención psicolóxica no ámbito sanitario público. Todas estas cuestións xa están aprobadas na Lei 11/2007 pero o goberno do PP de Núñez Feijoo, en vez de desenvolvelas, leva anos reducindo as asignacións orzamentarias respecto da igualdade e a loita contra a violencia de xénero.
Onte, a poucas horas de celebrarse o Día Internacional contra a violencia de xénero, nunha actitude de absoluta “impasibilidade” o equipo de goberno do PP do Concello de Tui non tivo ningún tipo de reparo en “negar a urxencia” desta moción e impedir que se debatesen os seus termos pola Corporación, rexeitándoa de entrada.
O BNG de Tui lamenta profundamente a falta de sensibilidade e de compromiso deste equipo de goberno do PP coa problemática da violencia de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario