23 de set. de 2010

OURENSE

PRESENTADO UN LIBRO SOBRE O CAMIÑO XACOBEO MIÑOTO-RIBEIRO

Infogauda / Ourense
A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do libro “Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro”, do que son autores Castor Pérez Casal e José Ramón Estévez Pérez. A Deputación de Ourense financia a publicación deste libro a través da “Asociación Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro”, da que presidente Castor Pérez Casal.
O obxectivo do libro é constatar a existencia dunha vía de peregrinos cara a Santiago de Compostela, que partía de Melgaço (Portugal) e percorría as provincias de Ourense e Pontevedra. O camiño existiu na antigüidade, pero por diversas circunstancias quedou esquecido, e agora esta asociación xurde coa finalidade de dar a coñecer o camiño, recuperalo e revalorizalo.
Este é o motivo desta publicación, coa que os autores pretenden potenciar este camiño xacobeo están a investigar. O traballo comprende dúas partes: a primeira recupera o camiño no que se refire á provincia de Ourense, e describe o paso do camiño polos concellos de Pontedeva, Padrenda, Cortegada, Arnoia Ribadavia, Cenlle, Boborás, Beade, Leiro e Beariz. A segunda parte do proxecto contempla seguir coa investigación e publicar outro libro no que se describa o resto do camiño, ao seu paso pola provincia de Pontevedra, para o cal os autores tentarán contar co apoio da Deputación de Pontevedra.
No acto de presentación, o vicepresidente da Deputación de Ourense Plácido Álvarez dixo que estamos “ante unha obra que potencia e investiga unha nova vía nos camiños xacobeos, e a Deputación de Ourense, que ten entre as súas liñas de traballo a defensa do patrimonio provincial, amósase encantada de apoiar este traballo que pretende recuperar esta antiga ruta de peregrinaxe”.
Pola súa banda, Castor Pérez destacou que este Camiño Miñoto “é un dos máis antigos que existe, e tivo unha grande importancia na antigüidade, levando a Compostela peregrinos de Portugal”. O autor dixo que ao longo dos séculos este camiño tivo diferentes usos como foron o de Vía Roama, canle de contrabando, usos bélicos, e ruta para transporte de viño.
Logo de percorrer os concellos da provincia de Ourense, o camiño chega ás terras pontevedresas de Cerdedo, Forcarei e A Estrada, e prosegue por Vedra e Boqueixón para chegar finalmente a Compostela.

Ningún comentario: