18 de nov. de 2017

GUILLAREI (TUI)

HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO

Domingo 26 de novembro de 2017, ás 11:00 h., no 95 aniversario dos sucesos



Infogauda / Guillarei


 Organizados polo Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSO), o domingo día 26 de novembro de 2017, ás 11:00 h., na carballeira de Sobredo, darán comezo os actos de homenaxe aos Mártires de Sobredo, mortos pola forza pública o 28 de novembro de 1922. 

 Ás 11:30 h., organizadores e público asistente, desprazaranse até o monumento - símbolo da loita antiforal - creado por Camilo Nogueira Martínez i erguido por subscrición popular o 28 de novembro de 1932. Esa obra sería dinamitada no 1936 e posta en pé, coa intervención do escultor Velasco, o 27 de novembro de 1988, acto que contou coas verbas do escritor Xosé Luis Méndez Ferrín.

 Ás 12:00 h., terá lugar á presentación do acto de homenaxe e ás intervencións de Xosé Alfredo Pereira Martínez, en representación da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Mán Común; e de Alba Nogueira López, profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela.

 Logo das diferentes intervencions, procederase á ofrenda floral no monumento, símbolo do movemento veciñal.

 Ás 13:30 h., aproximadamente terán lugar ás actuacions dos grupos:

· Grupo Folclórico "Lembranzas da Terra", de Guillarei.
· Grupo de gaitas "Folieiros".

 E o remate desas actuacions, coa interpretación do Himno Galego, procederase á clausura dos actos en lembranza e homenaxe ao Movemento Agrarista, á loita antiforal e aos tres Mártires de Sobredo: Cándida Rodríguez - que estaba embarazada -, nai de seis fillos, veciña de Pazos de Reis (Tui); Venancio González Romero, veciño da parroquia de Budiño (O Porriño) e Xaquín Estévez Besada, dirixente agrarista, veciño de Soutelo (Salceda de Caselas).

 Os devanditos Mártires dos sucesos de Sobredo, xunto a outras sete que resultaron feridas de bala, habían acudido - convocadas o son de badaladas e foguetes - a unha concentración de arredor dunhas 2.000 persoas de toda a bisbarra, en apoio contra o embargo dos bens a Ignacio Gómez, un labrego veciño de Sobredo, quen a pesares da presenza do xuiz e da Garda Civil, negouse a pagar os foros ao rendista tudense José Sarmiento Ozores. 

 En verbas de Xosé Alfredo Pereira Martínez "(...) A loita pola abolición dos foros foi tamén, xa que logo, unha loita pola defensa da terra, pola dignidade humana, polo logro de acadar un medio rural multifuncional e sustentable. É dicir, un medio rural vivo, con poboación espallada pola xeografía, desenvolvendo diversas actividades. A mesma loita que temos que manter hoxe para facerlle fronte ás compañías transnacionais que pretenden instalarse onde máis barato produzan, sen ter en conta as esixencias medio-ambientais, nin os dereitos sociais e laborais (...)", 

Ningún comentario:

Publicar un comentario