28/01/2012

SANTIAGO DE COMPOSTELA

“Vikingland”, do cineasta guardés Xurxo Chirro, proxectarase este sábado no CGAI

Gustavo González Rodríguez / Santiago de Compostela

O documentario “Vikingland”, de Xurxo Chirro, vai ser proxectado no CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe), na cidade da Coruña (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) este sábado 28 de xaneiro, ás 18:00h. A sesión está inserida no ciclo OFF GALICIA e contará coa presenza dos guardeses responsables do filme: Xurxo Chirro, o director, e Beli Martínez, a súa produtora.

“Vikingland” pasa por ser un dos documentarios españois de máis sona internacional por ser protagonista ao longo do último ano dun exitoso periplo de festivais internacionais. A estrea do filme aconteceu no FIDMarsella (o festival de documentais máis importante do mundo). Formou parte da ducia de filmes seleccionados entre os 3000 filmes procedentes dos máis diferentes países que se presentaron ao festival.

Con ese prestixio foi ao Festival de Jihlava (Rep. Checa) e Mar del Plata (Arxentina). A estrea en España aconteceu no Festival de Xixón e a estrea en Galicia foi no Cineuropa de Santiago de Compostela. Esta última proxección, no Teatro Principal, contou coa presenza e intervención do seu protagonista: o mariñeiro guardés Luís Lomba "O Haia”.

O documental aínda non rematou a súa carreira de festivais polo que continuará levando con orgullo o nome de Galicia e da Guarda por todo o mundo. Actualmente está pendente de confirmarse a selección en competición internacional nun festival de México, nun de España e noutro de Gran Bretaña.